Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

INICIADAS AS OBRAS NO LOYOLA E O PORTO

Durante as próximas semanas, nestas zonas haberá restriccións puntuais ao tráfico e ao tránsito de peóns

O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, ven de informar do inicio e avance das obras da mellora de canalización das augas pluviais no porto e a habilitación de espazo para aparcamento e mellora de accesibilidade peonil na contorna do Colexio CPR Loyola.

As obras no peirao terán unha duración máxima de 3 meses, e suporán a colocación dun novo colector de saneamento de augas pluviais de 64 metros de lonxitude que, xunto a un ramal de 28,20 metros, permitan a evacuación das augas para evitar as inundacións que sofren de xeito reiterado nos inmobles da zona cando chove. A empresa Construcciones González y González é a encargada dos traballos, adxudicados por 31.339 euros.

As obras na contorna do Loyola realizadas por JOSÉ NO MANTIÑÁN E HIJOS CONSTRUCCIONES, S.A teñen un importe de 61.105,00 euros e un prazo de execución de catro meses. Para cando rematen as obras contarase cun novo aparcamento, sendas peonís e bandas redutoras na calzada para mellorar a seguridade dos escolares.

Kuntz sinalou tamén que as obras do porto atrasáronse ata este mes “co obxectivo de causar as menores molestias, ao aproveitar o remate da tempada estival e o peche por vacacións dos dous locais máis próximos ás obras”. Durante a semana próxima está previsto o corte puntual do tráfico no peirao para a realización dunha nova canalización, e este será comunicado previamente para evitar molestias á veciñanza.

O concelleiro indicou que na obra da contorna do Loyola non están previstos próximamente cortes na circulación rodada de vehículos pero si moito movemento de terras e polo tanto moitas saídas de camións de grandes dimensión, e pediu aos veciños e veciñas que teñan en conta esta circunstancia co obxectivo de minimizar as incomodidades.

Back to top