INFORMES TÉCNICOS SINALAN A NECESIDADE DE TALAR A PALMEIRA DA AVENIDA DE GALICIA Ó ESTAR AFECTADA POLO PICUDO VERMELLO
		 
	
O Concello de Mugardos anuncia con pesar a inevitable tala da palmeira situada no cruce entre a Avenida de Galicia e a rúa Praza do Mercado, debido aos danos sufridos pola invasión do picudo vermello. A pesar dos múltiples tratamentos levados a cabo, na última inspección visual levada a cabo pola empresa encargada do mantemento, observouse un deterioro moi elevado da estrutura do exemplar. As súas follas superiores inclínanse cara ao chan e presentan tonos de cor amarelo e marrón, o que denota un proceso de secado e deterioro en curso.
Debido a esto, e por motivos de seguridade dada a amenaza que representa a palmeira afectada e a gravidade do seu estado, o informe da empresa conclúe que non queda outra saída que cortar o exemplar.
Dita tala levarase a cabo na mañá do mércores 5 de novembro, a partires das 9:00 horas. Para levar a cabo esta operación, haberá que cortar un carril -en sentido descendente- na Avenida de Galicia, dende o cruce da Rúa Castelao ata a subida a Peteiro. O tráfico estará regulado pola Policía Local, e prégase ós condutores que empreguen vias alternativas coma a rúa María para baixar ó peirao.
