FINALIZA A CAMPAÑA DE DOAZÓN DE ALIMENTOS PARA AS COLONIAS FELINAS EN MUGARDOS
O Concello de Mugardos informa da finalización da campaña de doazón de alimentos húmidos destinada ás colonias felinas do municipio. A iniciativa, que contou cunha gran participación cidadá, permitiu garantir a alimentación e o coidado dos gatos que forman parte destas colonias.
O alcalde, Juan Domingo de Deus, quixo expresar o seu agradecemento a todos os implicados. “Queremos dar as grazas a Eroski pola súa colaboración, así como a todos os veciños e veciñas que contribuíron coas súas doazóns. Especial recoñecemento tamén ás nosas voluntarias, cuxa dedicación é fundamental para o coidado e benestar das colonias felinas en Mugardos”, destacou o rexedor.
O Concello lembra que a protección dos animais é unha responsabilidade compartida e anima á cidadanía para seguir apoiando este tipo de iniciativas que fomentan o benestar animal no municipio.