ESTREA OFICIAL DO CIRCUITO DE PUMPTRACK EN MUGARDOS O PRÓXIMO SÁBADO
A xornada, organizada pola Concellería de Deportes, conta coa colaboración do Club Ciclista Pulpeiros Mugardos
A concelleira de Deportes, Begoña Roldós, e os representantes do Club Ciclista Pulpeiros Mugardos, Ramón Romero e Fermín Roibal, presentaron o acto oficial de inauguración da pista de pumptrack do Baño, que terá lugar o próximo sábado ás 11.00 horas e ao que está convidada a toda a veciñanza.
O evento contará cunha exhibición na propia pista, preparada polos Pulpeiros de todas as idades e permitirá desfrutar aos presentes dos espectaculares desprazamentos a través das curvas e ondulacións do trazado case sen pedalear, impulsados pola inercia da propia pista.
O circuito conta cunha superficie pavimentada de case 650 metros cadrados e un deseño final de saltos, curvas, rampas e peraltes froito da colaboración entre os técnicos municipais, a empresa adxudicataria e Pulpeiros, pensado coma un espazo aberto para a veciñanza que desexe desfrutar do deporte con bicicletas, patíns, patinetes e monopatíns.
“O deseño polivalente da pista está pensado para a práctica do deporte por adultos e nenos con diferentes niveis de dificultade segundo o trazado elixido, que os usuarios poden adaptar segundo a súa destreza no ciclismo e o skate” sinalou a concelleira.
Roldós aproveitou a ocasión para anunciar que desde a súa concellería traballan xa para lograr a designación de Mugardos como sede do Campionato de Galicia de Pumptrack, así como da incorporación na contorna do circuito dun pequeno espazo para a reparación de bicicletas, patíns e demáis elementos.
Esta obra foi cofinanciada por Concello de Mugardos e Deputación da Coruña, e adxudicada por un importe de 74.500 euros á empresa Francisco Gómez y Cía, S.L.