Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

DESBLOQUEADAS AS OBRAS DA SENDA RILO – FRANZA

O Alcalde de Mugardos e concelleiro de urbanismo Juan Domingo de Deus informou hoxe do desbloqueo por parte da Xunta de Galicia das obras de construcción dunha senda para uso de ciclistas non deportivos e peóns, paralela á estrada autonómica AC-133, entre Rilo e Franza.

O Alcalde mostrouse moi satisfeito por este novo proxecto confirmado para Mugardos “Seguimos transformando o que empezaramos, e que leva sen concretarse desde hai 4 anos. Este foi un proxecto que iniciaramos estando no goberno en 2015 e que non nos deu tempo de finalizar. Seguimos dando pasos para poder realizar a senda entre este ano e o que vén”.

Tamén salientou o Alcalde a implicación da Xunta de Galicia con este proxecto, que forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ferrol “Agradecemos á Xunta o seu traballo e seguiremos impulsando con todas as administracións a mellora das nosas infraestruturas básicas, especialmente nas parroquias”.

A senda, de 2,5 metros de ancho, discurrirá pola marxe dereita, desde o punto quilométrico 7+200 ao 8+550; e pola marxe esquerda, desde o punto 9+820 ao 9+910. Inclúese no proxecto a reposición dun treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro, entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910.

O orzamento estimado desta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade supera os 465.000 euros, tras incorporar o presente proxecto varias das alegacións e suxestións presentadas ao mesmo.

Na seguinte ligazón pode consultarse a resolución publicada no DOG:

https://bit.ly/35MNzPJ

Back to top