CONCELLO E GALICIA PRESENTAN A 49 EDICIÓN DO TROFEO CONCELLO DE MUGARDOS
O encontro celébrase este domingo 21 ás 19.00 horas no Campo da Pedreira
A concelleira de Deportes Begoña Roldós informou onte da presentación da 49 edición do Trofeo Concello de Mugardos que enfrontará o próximo domingo ao Galicia de Mugardos e o Somozas no Campo da Pedreira.
Á presentación asistiron o presidente do Galicia de Mugardos Brath Miraz, o alcalde mugardés Juan Domingo de Deus e a propia concelleira. Os presentes congratuláronse da celebración deste clásico encontro da pretemporada, e destacaron a importante celebración o ano próximo, co cincuenta aniversario do veterano trofeo.
O encontro iniciarase ás 19.00 horas e o prezo das entradas será de 5 euros para o público xeral. Os socios e os menores de 18 anos non terán que pagar entrada.
Roldós quixo animar á veciñanza a acudir o próximo domingo ao campo. “Convidamos aos mugardeses e mugardesas a encher as gradas da Pedreira, e a presumir do noso clube e o noso corazón verdibranco. Hai que dar un forte impulso ao Galicia nesta próxima temporada”.