Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CONCELLO E CENTROS DE ENSINO XUNTOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O próximo venres haberá unha andaina e un acto institucional dentro dos actos do 25N

Mugardos, 23 de novembro de 2022. A concelleira de Benestar Social, Ana Varela e a de ensino, Begoña Roldós, presentaron hoxe as actividades municipais organizadas para a conmemoración, o próximo venres 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A primeira actividade do día consistirá en que o alumnado do IES de Mugados, o CEIP Unión Mugardesa, o CEIP Santiago Apóstolo de Franza e o CPR Loyola farán unha ruta a pé de 1,2 km con saída ás 11.00 horas desde o Pavillón do Cristo ata a praza do Concello.

A partir das 11.30 horas, desde as Concellerías de Benestar e Ensino, convócase á veciñanza na propia praza do Concello, xa que alí terán lugar diferentes actos relacionados coa celebración do 25 de Novembro como a lectura da declaración institucional, a celebración dun minuto de silencio e unha solta de globos simbólica, co lanzamento dun globo por cada unha das mulleres asasinadas no territorio español no ano 2022.

Tamén dentro da transversalidade da loita contra a violencia de xénero, nos centros educativos de primaria iníciase un proxecto de promoción da igualdade titulado “As mulleres que nos constrúen”, e do 15, 16 e o 19 de decembro no IES de Mugardos terán lugar actividades en relación á prevención da violencia contra as mulleres, coa presentación dunha historia real do supervivinte de violencia machista Yoshua Mateo na que relata a súa experiencia amosando a realidade das víctimas invisibilizadas da violencia machista, e coa exposición “Chicas nuevas 24 horas” baseada no documental do mesmo nome da directora e documentalista Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas. A exposición vai acompañada dun taller formativo.

Ana Varela confirmou, así mesmo, que nuns días estarán listos os calendarios do 2023 que tradicionalmente o Concello reparte entre a veciñanza, que este ano contará cun deseño realizado nunha campaña contra a violencia de xénero no pasado curso en todos os centros educativos da vila.

Descarga aquí a carta da concelleira Ana Varela co programa de actos organizados para o 25N

Back to top