Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

COMUNICADO DO CONCELLO SOBRE A UBICACIÓN DAS FESTAS DE VERÁN

O Concello de Mugardos lamenta informar á veciñanza de que, finalmente, non foi posible contar coa presenza das atraccións de feira durante as festas, tras a negativa dos feirantes a aceptar a nova localización proposta polo Concello, negativa que non foi comunicada ata a tarde do  xoves 9 de xullo. Anteriormente a esta data non parecía haber problemas.

Esta decisión municipal non responde a un capricho nin a unha cuestión organizativa menor, senón a criterios de seguridade e responsabilidade. Tradicionalmente, as atraccións instalábanse na zona do porto, Cantón de Cora e, nos últimos anos, no pantalán.

As limitacións existentes nos espazos portuarios condicionan notablemente os usos que poden desenvolverse neles durante estas datas.

Co obxectivo de garantir a continuidade da feira, o Concello realizou diversas xestións para habilitar unha localización alternativa dentro do casco urbano. Cómpre agradecer a colaboración dos propietarios dos terreos que, de maneira totalmente desinteresada, puxeron as súas parcelas á disposición do Concello sen percibir contraprestación económica algunha, máis alá dos traballos mínimos de acondicionamento necesarios para facilitar o seu uso.

A realidade é que Mugardos dispón de moi poucos espazos céntricos con dimensións suficientes para albergar este tipo de instalacións. A alternativa proposta era a que mellor reunía as condicións necesarias de superficie, accesibilidade e proximidade ao núcleo das festas.

Tamén se valoraron outras posibilidades, entre elas a parcela de Casas Baratas onde noutras ocasións se situaron as orquestras. Non obstante, os seus accesos presentan importantes limitacións para a entrada e saída de vehículos de gran tamaño. De feito, estas dificultades xa foran obxecto de queixas en anos anteriores por parte das propias empresas encargadas das actuacións musicais, debido á complexidade das manobras e aos riscos que estas poderían supoñer para as vivendas próximas.

O Concello respecta a decisión adoptada polos feirantes, aínda que a lamenta profundamente, xa que a proposta realizada buscaba compatibilizar a celebración das festas coa seguridade das persoas e co cumprimento das obrigas que corresponden á administración local. 

Seguirase traballando para ofrecer unhas festas participativas, seguras e de calidade para toda a veciñanza e para as persoas que nos visitan nestas datas.

Back to top