Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CHEGA UNHA NOVA EDICIÓN DA MONTEFARO ENDURO RACE

O Concello colabora coa organización, a cargo dos Pulpeiros Mugardos

A concelleira de Deportes, Begoña Roldós, ven de presentar a ‘Montefaro Enduro Race 6.0’ que desenvolverase os días 28 e 29 de maio nos concellos de Mugardos e Ares, e na que o concello mugardés colabora coa organización realizada por Pulpeiros Mugardos.

A carreira desenvolverase o domingo 29, e na mesma poderán participar un máximo de 350 corredores que poderán realizar a súa reserva de praza ata este domingo, cun prezo de inscrición de 40 euros (52 euros para os non federados).

Desde a organización informan de que está previsto que o venres 27 de maio os inscritos podan realizar o recoñecemento dos tramos preferiblemente a pé, co fin de preservar nas mellores condicións os circuitos, lembrando que os participantes deberán circular con precaución e respectando a todos os usuarios dos camiños, e que estes recoñecementos faranse baixo responsabilidade do propio participante e en condicións de tráfico aberto, debendo facer caso das sinalizacións de advertencia postas pola organización.

O sábado 28 pola mañá poderase realizar o recoñecemento de tramos e pola tarde será o momento da recollida de dorsal e chip na zona de padock, situada no Parque da Constitución en Mugardos (Zona do Porto de Mugardos). O domingo de 7.00 a 8.00 realizarase a entrega de dorsais no padock e ás 8.00 terá lugar a saída do primeiro participante. Logo da celebración de todas as probas, ás 15.00 horas está prevista a entrega de trofeos. A partir das 15.30 horas, celebrarase a festa fin de carreira e unha churrascada (de balde para os participantes e cun prezo de 12 euros para os acompañantes).

A concelleira confirmou que tanto desde a organización de Pulpeiros como desde o Concello xa se está a traballar para ter os tramos e os espazos públicos de aparcamento e instalación de zonas común nas mellores condicións, e animou a todos os afeccionados a participar nesta proba, que será puntuable para a Copa de España BTT Enduro.

Pola súa banda, Pulpeiros Mugardos destaca que trátase dun “enduro que  fará gozar dos seus tramos co mar como fondo e dunha contorna que non deixa indiferente. Unha carreira con tramos divertidos e variados para gozar na loita contra o crono, cun reto técnico e físico, algo que para nós debe caracterizar a toda carreira de Enduro”.

Back to top