AVANZA A LICITACIÓN DAS OBRAS DO ABASTECEMENTO NO VILAR E YAÑEZ BADÍA, E O APARCAMENTO DO LOYOLA
Os procedementos están á espera da entrega de documentación por parte dos adxudicatarios propostos polas mesas de contratación
O concelleiro de Obras, Jorge Kuntz, informou hoxe dos avances dos expedientes das obras de ampliación da rede municipal de abastecemento de auga potable no Vilar (Franza) e na rúa Yáñez Badía, e da obra de habilitación de espazo para aparcamento e mellora da accesibilidade peonil no entorno do colexio CPR Loyola. En ambos casos, estase á espera de que as empresas propostas como adxudicatarias fagan entrega da documentación pendente (antes de finalizar este mes) para a adxudicación definitiva. A pasada semana, a mesa de contratación resolveu as posibles baixas temerarias valoradas polos informes técnicos destas dúas obras, dictaminando a proposta de adxudicación.
A obra de ampliación da rede municipal de abastecemento de auga potable no Vilar (Franza) e na rúa Yáñez Badía, pertencente ao POS + ADICIONAL 1/2019, ten un importe de licitación de 56.938,22 euros (IVE engadido). A mesa de contratación, logo de valorar o informe técnico aportado para valorar a xustificación de oferta anormalmente baixa por parte do licitador requerido, acordou adxudicar provisionalmente as obras á oferta de Construcciones González y González por 48.279,00 euros (IVE engadido).
No relativo ás obras do POS + 2020 no CPR Loyola de mellora do aparcamento e da accesibilidade peonil, inicialmente licitadas en 69.538,31 euros (IVE incluido), a mesa de contratación logo de valorar tamén as tres posibles baixas temerarias detectadas, acordou facer a proposta de adxudicación a José Mantiñán e Hijos Construcciones, S.A. que presentara unha oferta por 61.105,00 euros (IVE incluído).
O concelleiro confirmou que ámbolos dous adxudicatarios propostos teñen agora un prazo de siete días hábiles para presentar a documentación sinalada no prego que rexe a contratación, así como para a constitución da garantía complementaria por importe do 5 por cento do prezo final ofertado, excluido o IVE. Kuntz sinalou que “os procesos de licitación e contratación de obras estanse a ver claramente demorados polas trabas administrativas, os problemas de abastecemento de materiais (pola escaseza que se arrastra xa desde o inicio da pandemia) e a suba dos prezos pero seguimos traballando e confiados en sacar todos os traballos previstos adiante”.