AS CONCELLERÍAS DE EDUCACIÓN E BENESTAR COORDÍNANSE COS CENTROS PARA AXUDAR AOS ALUMNOS E ALUMNAS
O Concello de Mugardos informa da posta en marcha dun sistema de colaboración coas familias e os centros de ensino para os estudantes de Mugardos que carezan nas súas casas de medios para imprimir os apuntes ou traballos escolares imprescindibles para a actividade escolar a distancia que se está a dar durante o estado de alarma.
Desde as concellerías que coordinarán esta medida informan de que o obxectivo é dar apoio aos alumnos e alumnas que debido ao confinamento teñen que seguir a súa formación académica dentro dos seus fogares.
“Hai que evitar unha brecha educativa nos nenos e nenas que pertenecen a familias que nestes intres non teñen os recursos necesarios para facer fronte a esta situación” informan desde o goberno local.
No caso de familias que necesiten imprimir material enviado polo seu centro educativo para traballar en casa, deberán solicitalo chamando ao propio centro educativo, onde deberán informar dos apuntes que necesitan fotocopiar, o nome do alumno, a dirección de entrega da documentación e un teléfono de contacto.
Unha vez recibido o aviso por parte do centro, o material escolar imprimirase no Concello e entregarase ao interesado na dirección indicada, nun prazo entre 24 e 48 horas.