Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS BRIGADAS CONTRAINCENDIOS ESTARÁN A TRABALLAR EN MUGARDOS ATA FINAIS DE ANO

A Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente dirixida por Jorge Kuntz, informou que os cinco membros da brigada de prevención e defensa contraincendios forestais iniciaron xa o seu traballo no Concello de Mugardos, que chegará ata finais de ano.

Os membros da brigada teñen a súa central na Escola Unitaria de San Xoán e iniciaron o seu traballo no Concello con dúas xornadas de formación a cargo dunha empresa especializada no centro de formación Francisco Vizoso de Franza.

As tarefas principais a desenvolver por este servizo son os traballos de desbroce, a prevención de incendios (con alerta activada ata finais de outubro), o apoio aos GES e aos bombeiros, e o cumprimento das indicacións do distrito forestal.

O proceso de selección dos brigadistas este ano estivo marcado pola dificultade para cubrir as prazas, o que obrigou á repetición do proceso para a contratación das dúas prazas de brigadistas que quedaran pendentes de cubrir na primeira selección e que non permitiu arrincar os traballos ata este mes.

O concelleiro Jorge Kuntz quixo destacar que, a diferencia doutros anos nos que o concello renunciaba ás brigadas cando na primeira selección non se conseguía reunir o persoal, este ano decidiuse repetir o proceso selectivo “Desde o punto de vista da prevención, da protección do medio ambiente e da creación de emprego, non hai dúbidas de que repetir a selección, lograr reunir aos 5 membros da brigada e pór en marcha o servizo foi a mellor decisión”.

Back to top