Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS ACTIVIDADES DEPORTIVAS SERÁN EIXE FUNDAMENTAL DO VERÁN DA MOCIDADE MUGARDESA

Tenis, baloncesto, karate, fútbol sala, ioga, balonmán, vela, remo e multideporte na praia encherán as mañás de xullo e agosto de xogos e diversión

Mugardos, 15 de xuño de 2022. A concelleira de Deportes, Begoña Roldós, presentou hoxe a programación deportiva municipal para este verán destinada á mocidade mugardesa, que inclúe tenis, baloncesto, karate, fútbol sala, ioga, balonmán, vela, remo e multideporte na praia. O programa terá un peche de ouro coa Festa do Deporte o 30 de agosto pola mañá no Cantón de Cora.

Para os máis pequenos, os nacidos entre 2011 e 2018, un ano máis teremos o Multideporte na praia da Bestarruza, de luns a venres en horario de 11.00 a 13.30 horas, organizado en quendas de dúas semanas e repartido en catro quendas en total (do 4 ao 15 de xullo, do 18 ao 29 de xullo, do 1 ao 12 de agosto e do 16 ao 26 de agosto). O prezo desta actividade é de 15 euros por quenda, e 25 euros no caso de apuntarse ás dúas quendas dun mesmo mes.

A programación deportiva para a rapazada nacida entre 2004 e 2011 terá a súa sede central no Casino Mugardés, onde o concello en colaboración co propio Casino, organiza diversas actividades deportivas durante os meses de xullo e agosto. As clases de tenis serán os luns e os mércores de 10.00 a 11.30 horas e de 11.30 a 13.00 horas. Os interesados en participar na actividade de baloncesto poden inscribirse para participar nas clases dos martes e xoves de 10.00 a 11.30 horas. Para os mozos e mozas que desexen asistir a karate esta proponse en horario de luns e mércores de 11.30 a 13.00 horas, e o fútbol sala desenvolverase os martes e xoves de 11.30 a 13.00 horas. O prezo de cada unha das actividades é de 8 euros.

Nas Lagoas e para maiores de idade, haberá ioga todos os martes de xullo e agosto de 10.30 a 11.30 horas e de 11.30 a 12.30 horas. O prezo desta actividade tamén será de 8 euros.

Para máis información sobre estas actividades ou para inscribirse nelas, os interesados deben poñerse en contacto coa Oficina de Información Xuvenil (OMIX) presencialmente no primeiro andar da Casa do Concello, por teléfono chamando ao 981 470338 (extensión 1)  ou por correo electrónico omix@mugardos.gal. O horario de atención presencial ou telefónica é de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas.

O prazo de inscrición da comezo hoxe e pecharase 3 días antes do inicio de cada unha das actividades. 

O balonmán volve a Mugardos este verán no pavillón do Cristo durante os meses de xullo e agosto para os nenos e nenas nacidos entre 2008 e 2015. Organizado conxuntamente co Club de Pontedeume e con clases os luns, mércores e venres de 9.00 a 12.00 horas, os interesados en participar poden informarse e inscribirse a través do correo electrónico balonmanopontedeume@gmail.com ou chamando ao teléfono 661 705 928.

No relativo aos deportes de auga, entre o 25 e o 29 de xullo desenvolverase en Mugardos un curso de vela para nenos e nenas de entre 9 e 18 anos, dentro do programa Campaña de Vela da Deputación da Coruña, en grupos de mañá de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde de 16.00 a 20.00 horas. O prazo de inscricións será do 1 de xuño ao 7 de xullo, a cota de inscrición é de 25 euros e é imprescindible que os nenos e nenas participantes saiban nadar. As persoas interesadas en participar deberán entregar no Concello a ficha de inscrición debidamente cuberta así como o resto da documentación requerida.

E tamén de auga, neste caso remo, a escola de verán do Club do Mar conta tamén coa colaboración do Concello de Mugardos na súa organización. De martes a venres para rapaces e rapazas nados entre 2005 e 2014, os participantes iniciaranse no remo, haberá actividades de kayak, regatas, xogos de equipo e moito máis. Os interesados poden informarse enviando un correo a secretaria@clubdomarmugardos.com o una súa web www.clubdomarmugardos.com. As inscricións iniciaranse o 20 de xuño.

A concelleira quixo destacar que “desde o Concello organizamos e colaboramos este verán na programación de actividades deportivas priorizando o deporte ao aire libre, tentando colaborar coas familias na mellora da calidade de vida dos máis novos cunha programación deportiva que fomenta hábitos saudables”.

Back to top