Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

APROBADOS OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DO ANO 2020

O pleno do concello aprobou onte definitivamente os orzamentos para o exercicio 2020, logo de ter resoltas as 126 alegacións presentadas.

Finalmente, o importe total de gastos e ingresos previstos para este ano é de 6.924.646,13 euros, e os investimentos superan os 900.000 euros. Así mesmo, e como marca a lexislación en materia de facendas locais, xunto cos orzamentos, apróbase o cadro de persoal municipal que conta con 60 prazas cubertas.

O alcalde Juan Domingo de Deus quixo destacar que, aínda que polas datas de aprobación alguén puidera pensar que non pagaba a pena a aprobación destes orzamentos, o goberno municipal tivo desde o primeiro momento claro que esta era unha prioridade “Son uns orzamentos que supoñen o punto de inflexión que o concello necesitaba. Atrás quedan as débedas, a inestabilidade orzamentaria, o incumprimento da normativa económica e o oscurantismo. Por outra banda, era indispensable aprobar uns orzamentos antes da finalización do ano para sacar adiante inversións moi importantes para os mugardeses e mugardesas como a adquisición dun novo edificio para a biblioteca municipal, a ampliación da Escola Infantil Municipal, as obras de mellora na accesibilidade e seguridade na contorna do Loyola, a pista multideporte e o novo parque no Baño e inversións en melloras de camiños”.

No relativo ás 126 alegacións presentadas aos orzamentos, o concelleiro delegado de Facenda sinalou que “é unha honra para este goberno ter aprobado os orzamentos máis participativos da historia do noso concello. Entre esta semana e a próxima, todos aqueles que presentaron alegacións recibirán cumprida resposta agradecendo a súa participación e informando do resultado da mesma”

Para finalizar, Miguel Mahía confirmou que antes da finalización deste ano está prevista a presentación dos orzamentos de 2021 “uns orzamentos cunha liña política totalmente diferente, nos que o 100% das partidas orzamentadas serán destinadas ao desenvolvemento do concello, xa que por fin non contaremos con débedas pasadas de ningún tipo. As inversións previstas e a aplicación do gasto será totalmente diferente ao proposto e aprobado históricamente polos gobernos municipais mugardeses, e o resto dos grupos municipais xa están convidades a sumarse a esta aposta pola transformación do noso concello.”

Os orzamentos contaron exclusivamente co voto en contra de Esqueda Unida. Os grupos municipais de PP e PSOE votaron a favor, e o BNG abstívose.

Back to top