Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

APROBADO O PLAN DE OBRAS E SERVIZOS 2026 CUNHA INVERSIÓN SUPERIOR ÓS 388.000€

O Concello de Mugardos aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS) do ano 2026, que contempla un investimento global superior ós 388.000€, destinados á mellora de infraestruturas viarias e servizos básicos en distintos puntos do municipio.

O plan inclúe tres actuacións principais:

• A mellora do vial municipal entre Lodairo e Seselle, cun orzamento de 120.961,11€, que permitirá renovar un tramo de 980 metros actualmente afectado polo desgaste e a perda de material bituminoso.

• A rehabilitación integral do firme en Franza de Abaixo e a súa intersección con San Vitorio, cun investimento de 65.988,87€, orientada a mellorar a seguridade viaria, a comodidade e a durabilidade do pavimento, así como a renovar a sinalización.

• A mellora de servizos e pavimentación na Rúa Apelón, entre a Rúa do Mercado e a Avenida dúas Corzás, cun orzamento de 201.180,15€, que permitirá renovar as redes de saneamento e abastecemento, avanzar no sistema separativo e mellorar o firme da vía.

Así mesmo, o pleno municipal aprobou unha achega provincial para o financiamento de gastos correntes por importe de 50.036,55€, que contribuirá ó mantemento dos servizos municipais.

Os proxectos saíron adiante cos votos favorables do PP e do BNG, mentres que o resto de grupos abstivéronse. A achega destinada a gastos correntes contou unicamente co apoio do PP.

O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e TICs, Jorge Kuntz, destacou a importancia destas actuacións para o municipio: “Este Plan de Obras e Servizos responde a unha planificación responsable e a unha escoita constante das necesidades reais dos nosos veciños. O noso obxectivo é seguir mellorando a seguridade, a mobilidade e a calidade de vida en Mugardos mediante investimentos ben definidos e útiles para o conxunto da cidadanía” sinalou. Desde o Concello de Mugardos sublíñase que estas actuacións forman parte da estratexia municipal de mantemento e modernización das infraestruturas, apostando por un desenvolvemento equilibrado e sostible do territorio.

Back to top