Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

APROBADA A AMPLIACIÓN DE ORZAMENTO PARA A ADQUISICIÓN DA NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL E A AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

O pleno do concello aprobou onte a ampliación das partidas orzamentarias para a adquisición do edificio para a nova biblioteca municipal, que fixa un importe total de 105.000 euros, e para a rehabilitación e ampliación da Escola Infantil Municipal “As Lagoas” que alcanza os 120.000 euros de inversión neste 2020.

Segundo o Convenio entre o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar e o concello para o financiamiento da rehabilitación da escola infantil municipal asinado o 5 de outubro, e a memoria valorada para a rehabilitación e ampliación da instalación, o orzamento total da obra alcanza un importe de 215.718,62 euros entre as dúas anualidades previstas (2020 e 2021). Para o inicio do expediente para a contratación da obra e co obxectivo de cumprir o prazo máximo para a xustificación da primeira anualidade da subvención, que remata o 30 de novembro deste ano 2020, debeuse ampliar a partida prevista para 2020 en 50.000 euros a maiores dos 70.000 xa contemplados nos orzamentos aprobados.

No relativo á adquisición dun edificio para a nova biblioteca, nos orzamentos de 2020 constaba no anexo de investimentos un gasto para o novo edificio da biblioteca por importe de 80.000 euros, e á vista das últimas taxacións efectuadas no casco urbano de Mugardos, e aos efectos de garantir unha maior concurrencia no proceso de licitación e que ésta non quede deserta, decidiuse por parte do goberno municipal proponer o aumento da partida en 25.000 euros, chegando así o importe total reservado para a adquisición do novo edificio aos 105.000 euros.

O concelleiro de Facenda Miguel Mahía confirmou que unha vez detectada “a necesidade de adaptar os importes recollidos para os citados investimentos nos orzamentos de 2020, decidiuse impulsar esta modificación orzamentaria para non retrasar nin un día máis inversións que resultan estratéxicas para o desenvolvemento duns servizos municipais prioritarios no ámbito da conciliación e da cultura”.

A ampliación do orzamento para a adquisición da nova biblioteca e a ampliación da escola infantil contou cos votos en contra de Esquerda Unida e BNG, e o voto favorable de PP e PSOE, a estes últimos o concelleiro Miguel Mahía quixo agradecer a súa capacidade de diálogo e negociación, as súas achegas e o compromiso coas melloras no concello.

Back to top