Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA PROCEDERÁ Á SUBSTITUCIÓN DAS XANELAS DO CEIP SANTIAGO APÓSTOLO DE FRANZA

A Concellería de ensino informa dos traballos de substitución das xanelas do Centro de Ensino de Infantil e Primaria Santiago Apóstolo por importe de 30.000 euros, que foron hoxe confirmados polo delegado territorial da Xunta de Galicia Ovidio Rodeiro.

Os traballos revertirán nunha mellora da eficiencia enerxética e da seguridade do centro, e é unha reclamación que viñan trasladando tanto desde a dirección do centro como os pais e nais dos alumnos e alumnas do centro.

Nas últimas semanas foron moitos os contactos mantidos polos membros do goberno municipal coa Consellería de Educación, coa Delegacón Territorial e mesmo co xefe territorial de educación Indalecio Cabana que se trasladou ata Mugardos fai uns días para tratar in situ as demandas dos centros e que foron trasladadas polo propio alcalde Juan Domingo de Deus e a concelleira de ensino Begoña Roldós.

“Estamos traballando arreo para materializar en proxectos todas as necesidades que teñen os centros de ensino mugardeses. Temos que aproveitar estes meses de parón obrigado para realizar as melloras que sexan posibles, é o mínimo que podemos facer polos nenos e nenas que levan semanas demostrando a súa fortaleza” sinalou o alcalde.

De Deus quixo destacar “a boa sintonía que estamos a ter coa Xunta de Galicia en canto aos compromisos que están a asumir, pero non baixamos a garda, e seguimos traballando para que todos eses compromisos acaben sendo realidades o antes posible. Mugardos necesita dar pasos adiante que permitan recuperar o tempo perdido, que lamentablemente foi moito”.

Back to top