Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL PON EN MARCHA A LICITACIÓN DA OBRA DE BELLO PIÑEIRO

Este trámite é posible grazas á firma dun novo convenio coa Deputación da Coruña

O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe de que a Xunta de Goberno Local ven de aprobar o expediente de contratación da obra de reurbanización da Avenida Bello Piñeiro, que conta cun orzamento de 96.000 euros.

O pasado mes de decembro firmouse o convenio de colaboración entre o Concello de Mugardos e a Deputación da Coruña para o cofinanciamento das obras, o que permitiu desbloquear o proxecto, que xa dera un paso adiante o pasado mes de xuño trala aprobación do novo proxecto técnico, que contaba xa por fin con todas as autorizacións e os preceptivos informes favorables.

“O desbloqueo das obras de Bello Piñeiro é unha moi boa noticia para todos, especialmente para toda a veciñanza desta zona que desde fai anos solicita o arranxo desta vía, e por fin vanse atender as súas demandas. As obras na avenida Bello Piñeiro suporán a substitución do arbolado aloxado nas beiravías da avenida, a reparación dos alcorques desas árbores e das zonas de beiravía deterioradas, a limpeza das beirarrúas e a substitución dos contedores de residuos que se atopen en mal estado, así como a instalación de pantallas cobrecontedores de madeira ao longo da avenida que os oculten e integren na contorna. Tamén se levarán a cabo traballos de mantemento e conservación enfocados tanto na limpeza de beirarrúas como na reparación do firme” explicou Kuntz.

O responsable do departamento municipal rematou explicando os numerosos atrancos que este proxecto se ten atopado nos últimos tempos sinalando que “gustaríanos telo feito moito antes, pero sacar adiante unha obra depende de moitas cousas, non só da vontade política. Necesítase un proxecto válido que conte con informes favorables, necesítase financiación doutras administracións e sacar adiante tramitacións administrativas complexas. A iso, nos tempos actuáis e debido a grande suba da inflación, hai que sumarlle que os prezos estean actualizados para que a licitación non quede deserta ou o que é peor, que o adxudicatario acabe renunciando porque non lle sae a conta polas subas de prezos dos materiais. En resumo, atopámonos co retraso que moitas obras sufriron pola pandemia, as dificultades na financiación xa que as administracións públicas estivemos centradas na crise sanitaria e a suba dos prezos. Pero temos todos os nosos esforzos centrados en revertir estes contratempos, e aínda que non sen dificultade, estamos a ver que pouco a pouco vense os resultados”.

Back to top