Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A SAREB COMUNICA AO CONCELLO QUE NON CEDERÁ NINGUNHA DAS SÚAS VIVENDAS AO PARQUE MUNICIPAL DE ALUGUEIRO

A Sociedade de Xestión de Activos afirma que das case 150 vivendas das que dispón no concello mugardés, ningunha é susceptible de alugueiro

19 DE MAIO DE 2022. O alcalde de Mugardos Juan Domingo de Deus informou de que hoxe a SAREB comunicoulle oficialmente que non cederá ninguna das 134 vivendas das que dispón no concello para que formen parte do parque municipal de vivendas para alugueiro.

A SAREB (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria, máis coñecido como “banco malo”) ofrecera ao alcalde a principios de marzo a cesión de dúas vivendas que carecían de licencia de primeira ocupación, imposibilitando a aceptación por parte do concello, xa que non podería poñer a disposición da veciñanza eses dous inmobles por non ter todas as licencias obrigatorias.

O alcalde lamentou enormemente a posición da SAREB con respecto ás vivendas das que dispón en Mugardos “A SAREB, aún dispoñendo de máis dun cento de vivendas con licencia de primeira ocupación en Mugardos que podería ceder a este concello para o parque de viviendas para alugueiro, primeiro ofreceu ao concello a cesión das únicas dúas vivendas sen licencia das que dispón en Mugardos coa excusa de que serían estas as que cedería sabendo que era imposible a concesión de dita licencia polo incumprimento do proxecto na construcción. Unha vez que eu mesmo como alcalde e concelleiro de urbanismo comuniquei de xeito oficial á SAREB a imposibilidade de conceder licencia ás dúas vivendas que ofreceran, agora a SAREB castíganos e tendo máis dun cento de vivendas con licencia, négase a ceder ningunha delas, preferindo mantelas baleiras”.

De Deus continuou “Segundo a web oficial da SAREB, esta dispón na actualidade de 1078 vivendas na provincia da Coruña das que únicamente ten cedidas 12 para o seu alugueiro social, en Miño concretamente. A SAREB cedeu únicamente o 1% das vivendas que ten dispoñibles na nosa provincia. É unha mágoa, sinceramente, pero é evidente que desde a SAREB non se está a traballar para atallar o problema do aligueiro social na nosa provincia”.

Para finalizar, e co obxecto de ser construtivo, o alcalde confirmou que o seu goberno mantén o compromiso de pór en marcha un parque municipal de vivendas para alugueiro “temos traballado moito neste proxecto (traballouse no regulamento, na dispoñibilidade de recursos económicos, na valoración da situación das vivendas propiedade da SAREB, a posibilidade de amoblar con equipamento alugado, empresas de  renting, custos, etc) e se a SAREB pecha a porta á cesión das súas vivendas na actualidade, buscaremos outros camiños para lograr sacar adiante o parque de vivendas para o alugueiro porque este proxecto non é un capricho, é unha necesidade da nosa veciñanza”.

Back to top