Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A RENOVACIÓN DA CUBERTA DA PISTA POLIDEPORTIVA DE O CRISTO AVANZA CARA Á SÚA LICITACIÓN

O Concello de Mugardos informa de que o proxecto de renovación e mellora da cubrición da pista deportiva de O Cristo superou todas as fases administrativas necesarias e avanza cara ao proceso de licitación. Trátase dunha actuación cun orzamento de 194.975,32 euros, incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ Adicional 2/2024) da Deputación da Coruña.

O proxecto, impulsado desde o ano 2021, foi modificado para corrixir os informes técnicos iniciais e conta xa coa aprobación definitiva do organismo provincial, tras o informe favorable emitido o 2 de xuño de 2025 polo Servizo de Asistencia Técnica a Municipios e a resolución de alcaldía do 28 de maio do mesmo ano.

A actuación permitirá dotar á instalación dunha cuberta moderna, máis eficiente e segura, mellorando as condicións de uso para os veciños e veciñas que practican deporte na zona. A concelleira de Cultura, Deportes e Educación, Begoña Gómez, destacou que “esta é unha noticia moi esperada pola comunidade deportiva de Mugardos, xa que a pista de O Cristo é unha das máis utilizadas do municipio. Tras varios intentos errados debido ao encarecemento dos materiais, por fin o proxecto poderá facerse realidade”.

Gómez engadiu que “a renovación desta cuberta supón unha mellora importante na infraestrutura deportiva municipal, garantindo unhas instalacións máis cómodas e seguras para clubs, asociacións e usuarios en xeral”. O alcalde e concelleiro de Urbanismo, Juan Domingo de Deus, sinalou pola súa banda que “este proxecto reflicte o compromiso do Concello coa mellora dos espazos públicos e coa promoción do deporte. A colaboración coa Deputación foi fundamental para desbloquear unha actuación longamente demandada polos veciños”.

O Concello de Mugardos reafirma así a súa aposta polo mantemento e modernización das súas instalacións deportivas, promovendo o deporte e o benestar entre a cidadanía.

Back to top