Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A POLICÍA LOCAL TEN EN MARCHA 20 PROCEDEMENTOS DE INSPECCIÓN PARA A PROTECCIÓN DO BENESTAR ANIMAL

Estas tarefas desenvólvense en consonancia coa Ordenanza Municipal de Tenza e Benestar dos animais de compañía

Mugardos, 6 de xuño de 2022. O concelleiro de Participación, Miguel Mahía, presentou hoxe o primeiro balance de aplicación da Ordenanza Municipal de Tenza e Benestar dos animais de compañía aprobada en xaneiro, e que ata o momento tivo como principais eixes de actuación a campaña divulgativa “Querer é coidar”, a xestión controlada das colonias felinas en base ao sistema CER, e campaña de inspección e control do benestar animal da Policía Local.

Entre febreiro e marzo tivo lugar a campaña divulgativa “Querer é coidar” en colaboración coa Asociación InDiCan, coa que o goberno local ven programando actividades continuadas a prol da empatía e o respecto animal. A distribución de carteis e folletos nos taboleiros municipais e mediante buzoneo foron as canles elixidas para achegar a todos os fogares mugardeses as liñas xerais de actuación abertas coa aprobación e aplicación da Ordenanza.

Simultaneamente, a Policía Local ven exercendo tarefas de inspección tanto por iniciativa propia como a consecuencia de denuncias de asociacións de protección animal ou particulares. No exercicio deste labor, os axentes están investigando preto de 20 casos, a meirande parte da especie canina, que derivan en completos informes documentando as condicións de vida do animal: chip, cartilla sanitaria, alimentación, acubillo, condicións hixiénico-sanitarias, así como da información de se goza da preceptiva liberdade durante a maior parte do día, non permanecendo nunca máis de 6 horas encadeado ou engaiolado, atendendo ao recollido no art. 16 da dita Ordenanza. Nos casos nos que se observan infraccións á normativa, procédese a abrir expediente sancionador.

Tamén recollida na Ordenanza atópase a xestión controlada das colonias felinas en base ao sistema CER (Control – Esterilización – Retorno), coa implicación activa da cidadanía, para facer fronte a esta realidade dunha forma ordenada e sostible. “En vindeiras datas terá lugar a sinatura do acordo coas persoas voluntarias e o desenvolvemento de sesións de formación para o inicio inminente da campaña” sinalou neste punto Mahía. 

Así mesmo, o goberno municipal aposta pola habilitación de áreas de baño para cans, na contorna do Faro da Palma, ou o uso permitido para cans en horario limitado no caso da praia da Bestarruza, en funcionamento trala aprobación o pasado ano da Ordenanza de Praias. Para a comunicación da existencia desta oferta editáronse uns folletos despregables que se distribuirán próximamente entre a poboación e visitantes.

“Todas estas actuacións están enmarcadas dentro do plan estratéxico de políticas activas de benestar animal plantexado por parte do goberno municipal, coa colaboración necesaria da cidadanía, que revertirá na educación en valores como a empatía e a aposta pola protección dos animais, que converterán a Mugardos nun municipio amable e activo no fomento da tenza responsable e a convivencia en harmonía” rematou o responsable de Participación.

Back to top