Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A POLICÍA LOCAL DE MUGARDOS LEMBRA A OBRIGA DE RESPECTAR AS LIMITACIÓNS IMPOSTAS POLAS AUTORIDADES SANITARIAS

O Concello de Mugardos lembra á veciñanza e aos propietarios de locais comerciais e de hostalaría abertos a obriga de respectar as normas ditadas polas autoridades sanitarias.

En especial, desde a Policía Local lémbrase que as visitas aos domicilios de non convivintes están prohibidas, así como practicar deporte non federado entre non convivintes. Así mesmo, lémbrase que ás horas de entrada e saída dos centros de ensino, é importante que os encargados de acompañar aos pequenos non queden falando para evitar as concentración de xente nas vías públicas.

Igualmente, nos locais de hostalaría tamén deben evitarse as concentracións de persoas cando os particulares asistan aos negocios a recoller os pedidos e que teñen sido detectadas nos últimos días polos axentes locais.

Desde a Alcaldía, Juan Domingo de Deus confirmou a apertura de expedientes de apercibimento a particulares e locais polo incumprimento da normativa vixente. “Aínda que as cifras da última semana en Mugardos non empeoraron, estamos lonxe de ter controlado o virus no concello e na comarca. Non podemos esquecer que a distancia social, a máscara facial e o cumprimento da normativa son as únicas ferramentas que temos para evitar o contaxio”.

“Estamos a ser estrictos xa que relaxarnos pon en perigo a vida dos veciños e veciñas de Mugardos, e desde o goberno agradecemos o comportamiento da maioría dos mugardeses pola súa responsabilidade e o excelente traballo que están a realizar os axentes da Policía Local” rematou De Deus.

Back to top