Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ORGANIZACIÓN DA XXX FESTA DO POLBO DE MUGARDOS AVANZA A BO RITMO

As licitacións e contratacións están xa nas súas fases finais, a pouco máis dun mes do evento

6 DE XUÑO DE 2022. A concelleira de Cultura e Turismo Begoña Roldós informou hoxe do avance da programación da XXX Festa do Polbo do próximo 9 de xullo.

Xa anunciado o pregoeiro do evento, que será o coñecido humorista, actor e presentador galego Xosé Antonio Touriñán, Roldós confirmou que este dará inicio á festa co seu pregón desde o balcón da Casa do Concello ás 11.30 horas.

Así mesmo, a concelleira informou de que durante o día están programadas as actuacións dos Kilomberos polas rúas mugardesas desde as 18.00 horas, e da Orquestra La Banda de Ayer desde as 22.30 horas.

A maiores, e no relativo aos aspectos máis técnicos da festa, xa está en marcha a licitación do servizo de montaxe, preparación e vixiancia da infraestructura da carpa (por dous anos), a subministración, cocción e preparación do polbo, a cerámica e utensilios ou a divulgación da festa. 

Así mesmo, en canto ao operativo de seguridade e emerxencia, seguen as reunións de coordinación para tratar todos os aspectos relevantes da celebración da festa entre a dirección política, a coordinación do persoal e os encargados da seguridade. Dentro deste operativo, o próximo mércores 22 de xuño terá lugar a reunión da Xunta Local de Seguridade ás 10.00 horas.

A concelleira confirmou que xa están fixados os aforos e as franxas horarias escalonadas no acceso á carpa co obxectivo de que os asistintes desfruten do día sen masificacións no interior da carpa. Así, en cada tramo horario programado serviranse un máximo de 320 racións (ate alcanzar o máximo ofertado de 3.500 unidades en total) e os horarios serán de 13.00 a 21.30 horas, repartidos en tramos dunha hora en cada unha das dúas zonas asignadas no interior da carpa.

“Celebramos a nosa querida festa do polbo con máis alegría, ilusión e gañas que nunca, poñendo en valor as nosas tradicións e recuperando a esencia familiar desta festividade, pensando en grandes e pequenos, e co obxectivo de que todos e todas volvamos a gozar da nosa festa gastronómica máis emblemática” afirmou Roldós.

Desde a concellería anunciaron hoxe tamén que “aínda queda algunha sorpresa prevista para ese día, que esperamos faga as delicias de mugardeses e visitantes, e que presentaremos nas próximas datas”.

Back to top