A OFICINA MÓBIL DA XUNTA VISITA MUGARDOS PARA INFORMAR SOBRE O PROGRAMA RETORNO DIRIXIDO A FAMILIAS GALEGAS NO EXTERIOR
O Concello de Mugardos recibiu recentemente a visita da oficina móbil da Xunta de Galicia, enmarcada no programa RETORNO, unha iniciativa destinada a ofrecer información e acompañamento aos galegos residentes no exterior e aos seus familiares que estean a valorar regresar a Galicia.
Durante a xornada, os veciños puideron achegarse a este servizo móbil instalado no municipio para recibir orientación sobre as distintas axudas dispoñibles, trámites administrativos, oportunidades laborais e recursos de apoio para facilitar o proceso de retorno. Nesta ocasión, o programa prestou especial atención aos mugardeses que viven no exterior e manteñen un vínculo activo co municipio.
A concelleira de Facenda e delegada de Emerxencias,. Ana Varela Bastida, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para reforzar os lazos coa diáspora mugardesa. “É fundamental que nosas veciñas e veciños no exterior saiban que Mugardos segue sendo a súa casa e que contan con ferramentas para facilitar a súa volta. A oficina móbil permite achegar a información de maneira directa e personalizada, algo moi valioso para quen está considerando retomar a súa vida en Galicia”, sinalou a edil.
O Concello agradece a colaboración da Xunta de Galicia e subliña o seu compromiso con todas as familias mugardesas, estean onde estean, facilitando o seu acceso a recursos que promovan o seu benestar e a súa integración na comunidade ao regresar.