Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A NOVA EMPRESA DO COMEDOR ESCOLAR DE MUGARDOS INICIOU ONTE A SÚA ACTIVIDADE

Alimentación Saludable Gallega SL será a encargada do servizo os vindeiros dous anos

Mugardos, 20 de abril de 2022. Begoña Roldós, concelleira de Ensino, informou do inicio onte da nova empresa adxudicataria, Alimentación Saludable Gallega SL, no servizo de almorzo e xantar dos comedores escolares municipais do CEIP Unión Mugardesa e Santiago Apóstol.

Coa licitación levada a cabo para adxudicar este servizo a unha nova empresa, o goberno municipal aproveitou para mellorar a calidade do menú, polo que o Concello pasará a pagar ata 6,82 € por menú, pero o prezo máximo a abonar polas familias manterase nos 4,40 € actuais por menú.

Desde o departamento municipal informan aos pais e nais dos usuarios do servizo que a forma de anular ou encargar os almorzos e xantares segue igual que coa anterior empresa, aínda que cambia o número de teléfono e o mail a onde dirixirse. Ata as 10.00 horas poderase anular ou encargar o servizo de xantar, e ata as 19.00 horas poderase avisar para o almorzo do día seguinte. Para realizar estas xestións debe chamarse ao 630 363 844 ou enviar un email a info@alimentacionsaludablegallega.com.

Por outra banda, nos menús mensuais que a empresa preparará para os comedores municipais e que mensualmente publícanse na web municipal, inclúense tamén as recomendacións nutricionais para o xantar e a cea dos pequenos e pequenas como guía, xa que a empresa Alimentación Saludable Gallega garante que estes menús foron planificados segundo os principios dietético-nutricionais establecidos pola OMS (Organización Mundial da Saúde) en alimentación escolar e elaborados por unha dietista-nutricionista.

“Logo destes dous anos , puidemos dar un salto de calidade nos platos que se están a servir aos nenos e nenas nos comedores municipais coa nova licitación e decidimos asumir a diferencia de prezo con respecto ao menú anterior. Desde o goberno municipal pensamos que esta era unha forma máis de axudar ás familias, ofrecendo un servizo de conciliación como é o comedor coa máxima calidade e sen repercutirlle ás familias ese esforzo económico” sinalou Roldós.

Back to top