Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE URBANISMO CONTINÚA COA TRAMITACIÓN DA MODIFICACIÓN DO PLAN DE URBANISMO NA TELEFÓNICA

O obxectivo é que nuns meses o PXOM quede listo para poder licitar e realizar as obras en 2023

O alcalde e concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Domingo de Deus, informou hoxe da reunión mantida entre os técnicos municipais e a empresa adxudicataria da modificación do Plan de Urbanismo para pechar os últimos flecos do texto da modificación do PXOM que permitirá acometer a transformación do coñecido como P-5 (polígono 5), esto é, o espazo que vai entre a rúa Castelao e o Mercado Municipal.

De Deus sinalou que “a reunión mantida entre o equipo redactor da modificación e as técnicas municipais permitirá a finalización do proxecto por parte da empresa adxudicataria e o inicio da aprobación do mesmo por parte da corporación e a Xunta de Galicia”.

Dito proxecto finalmente permitirá que o Plan de Urbanismo recolla o vial de unión entre a rúa Castelao e o Mercado e a instalación dun aparcamento en superficie de máis de 80 prazas no lado dereito da rúa Castelao (en sentido subida), ampliando substancialmente a superficie de estacionamento dispoñible na actualidade, que dará servizo tanto á zona comercial do núcleo urbano como aos usuarios e usuarias do centro de saúde, que na actualidade carecen de espazo suficiente para os vehículos.

A ampliación da zona de estacionamento no centro responde a unha demanda histórica tanto da veciñanza mugardesa como dos visitantes que se achegan ata Mugardos, e encádrase dentro do plan de revitalización da zona comercial, nomeadamente do Mercado Municipal que experimentará unha remodelación completa nos próximos meses, así como no plan de transformación dos polígonos urbanísticos 4 e 5, esto é da zona que recolle as rúas Castelao, Mercado e Avenida de Galicia (desde Os Corzás ata Cano da Rúa), na que está previsto a construcción da nova biblioteca municipal, a rehabilitación do Cine Zárate e a instalación dun parque infantil e zona verde na súa contorna. Tamén se contempla a reurbanización da Avenida de Galicia dende o cruce da rúa Mercado ata o encontro co regato do Cano da Rúa (instalación dunha nova rede de saneamento de augas pluviais e renovación dos servizos existentes: saneamento de augas fecais, abastecemento de auga potable, obra civil para soterramento da rede de iluminación pública e nova pavimentación).

O modificación do Plan de Urbanismo na rúa Castelao recolle tamén a posiblidade de edificación dun espazo municipal de usos múltiples de planta baixa e dúas alturas anexas á actual edificación da Telefónica, que permita seguir ampliando e mellorando o servizo prestado aos mugardeses e mugardesas por parte da administración local.

“Os dous anos de pandemia frenaron moitos dos proxectos previstos, pero non renunciamos a ningún deles. A transformación de Mugardos é unha realidade e debemos centrar os nosos esforzos en conxugar as demandas da veciñanza coas necesidades dun municipio que xere oportunidades por si mesmo. Fixar poboación, reactivar a economía e xerar oportunidades de negocio requiren modernizar infraestucturas e prestar servizos de calidade” finalizou o alcalde.

Back to top