A CONCELLERÍA DE PARTICIPACIÓN FAI PÚBLICO O ANTEPROXECTO DA ORDENANZA DE PRAIAS PARA ABRILO ÁS PROPOSTAS DA VECIÑANZA
A Concellería de Participación dirixida por Miguel Mahía informou hoxe da apertura do prazo de consulta pública do anteproxecto da ordenanza de praias para que a veciñanza poida presentar as súas propostas.
Esta ordenanza pretende dar un marco legal de regulación do correcto uso do litoral do Concello de Mugardos e do dereito ao desfrute do mesmo. En especial, regúlase a presenza nas praias dos animais domésticos, fixándose a prohibición de acceso dos animaiss domésticos ás augas e zonas de baño do 1 de xuño ao 30 de setembro, e desde o 1 de outubro ata o 31 de maio poderase usar a costa do Concello de Mugardos como puntos de baño autorizados para cans.
Así mesmo, establécese inicialmente como punto autorizado de baño para cans durante todo o ano coa categoría de Zona Canina a cala situada á dereita da Baliza do Castelo da Palma, así como as rocas contiguas á mesma, sendo os límites da zona de baño o Castelo da Palma e as instalacións de depuración situadas na Redonda.
Queda prohibida a pesca realizada desde a beira nas praias ou zonas de baño desde o 31 de maio ata o 1 de outubro, das 22:00 horas ata as 08:00 horas. Para a práctica de pesca submarina será preciso contar coas licenzas requiridas normativamente e que terán que ser exhibidas no caso de que a autoridade requírao.
A través da súa publicación na web municipal, o goberno municipal solicita a opinión da veciñanza e das organizacións máis representativas potencialmente afectados por esta futura norma acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
Miguel Mahía quixo destacar que “queremos abrir a actividade regulatoria municipal á veciñanza e a consulta pública é unha ferramenta moi interesante para a participación coa que nós sentímonos moi cómodos”.
Na seguinte ligazón pode descargarse o anteproxecto da ordenanza de praias, e as persoas interesadas poden facer a súas achegas a través do rexistro municipal, a sede electrónica (www.sede.concellodemugardos.gal), ou remitindo un correo electrónico ao concelleiro responsable do departamento Miguel Mahía (miguel.mahia@mugardos.gal) ata o día 10 deste mesmo mes: