Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE OBRAS E SERVIZOS SEGUE MELLORANDO OS ESPAZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS

Lavadoiros, estradas, parcelas e edificios municipais seguirán sendo obxecto de actuacións municipais nas próximas semanas

Mugardos, 27 de xuño de 2022. O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe do avance nas actuacións que está a realizar nos espazos municipais o seu departamento trala aprobación dos orzamentos 2022.

Á segunda quenda de desbroces deste ano únense os traballos de limpeza e mantemento nas vías e parcelas municipais, o acondicionamento de lavadoiros e fontes municipais, o arranxo de marquesiñas e o desenvolvemento de medidas de seguridade vial nalgúns puntos das estradas mugardesas como a instalación de varandas en puntos dos viais municipais con desnivel.

Onte mesmo iniciouse o arranxo dos colectores soterrados instalados no peirao mugardés, e para as próximas semanas está previsto continuar co arranxo e limpeza de todos os colectores soterrados do municipio. Tamén se acometerá a adecuación de espazos infantís e a renovación da sinalización de espazos públicos que nos últimos anos sufriron un enorme deterioro.

Kuntz mostrouse satisfeito por poder desenvolver por fin actuacións pendentes desde fai meses. “A posibilidade de dispoñer dos novos orzamentos abriu a porta a recuperar moitos dos proxectos previstos antes da pandemia. É certo que non temos moito tempo para poñernos ao día, pero estamos a traballar o máximo posible”.

O concelleiro finalizou sinalando que “agora temos que seguir con outros moitos servizos públicos que necesitan modernizarse, desde a limpeza ata o mantemento de espazos públicos, e levamos semanas traballando nese sentido, xa estamos no camiño. Ata a aprobación dos orzamentos moitas destas propostas eran completamente inviables pola falta de financiamento”.

Back to top