Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE FACENDA INICIA A REFORMA FISCAL DE IMPOSTOS E TAXAS

A Concellería de Facenda dirixida por Miguel Mahía informou hoxe do inicio do plan de reforma fiscal previsto polo goberno municipal, co debate das ordenanzas que regulan o imposto de rodaxe e a taxa de apertura e traspaso de negocios.

As propostas presentadas polo goberno, e debatidas no día de hoxe polos membros da Comisión de Facenda no relativo á adopción de medidas para a reactivación da actividade económica no municipio, centrouse na bonificación do 100% da taxa por apertura ou cambio de titularidade de negocios de menos de 750 metros cadrados.  Na actualidade, cando un negocio abría no municipio, tiña que facer fronte de media a unha taxa de 650 euros, o que segundo os técnicos consultados, supuña unha importante barreira para o emprendemento no concello.

A segunda das propostas presentadas polo goberno suporá a eliminación do pago do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (máis coñecido como imposto de circulación ou rodaxe) para os vehículos históricos ou aqueles que teñan 25 anos ou máis de antigüidade, así como a rebaixa ata o 75% do recibo en función da clase de carburante que consuma o vehículo, ou no caso de vehículos de 0 emisións, os 5 primeiros anos logo da súa matriculación.

Neste apartado, o representante do Partido Socialista municipal presentou unha proposta que segundo o concelleiro Mahía será incorporada polo goberno, e que consistirá en que, a partir do quinto ano de vida dos vehículos eléctricos estes paguen só o 50% do recibo.

Miguel Mahía na presentación destas medidas quixo trasladar a postura do goberno con respecto á modificación da política fiscal municipal, incidindo en que o executivo local entende que esta é unha ferramenta social e económica máis que pode marcar a diferencia entre poñer paus nas rodas ás familias ou axudalas a saír da crise.

“Queremos apostar polo emprendemento, queremos apostar polas segundas oportunidades e polas novas formas de negocio. Queremos axudar ás familias que non poden cambiar de coche, e a aquelas que están dispostas a priorizar o coidado do medio ambiente á hora de elixir vehículo. Son moitos os frentes abertos coa crise que nos está a tocar vivir, pero este goberno vai traballar arreo por desenvolver unha política fiscal xusta, equilibrada e que fomente a inversión e o emprendemento” expuxo o concelleiro.

Back to top