A CONCELLERÍA DE BENESTAR SOCIAL ANIMA ÁS PERSOAS MAIORES DE MUGARDOS A INSCRIBIRSE NO PROGRAMA ‘XUNTOS POLO NADAL’ DA XUNTA DE GALICIA
A Concellería de Benestar Social do Concello de Mugardos lembra de que está aberto o prazo de inscrición para o programa “Xuntos polo Nadal 2025”, impulsado pola Xunta de Galicia e dirixido a persoas maiores que viven soas e desexen compartir as festas do Nadal en compañía, ata o 26 de novembro. Este programa ofrece unha estancia completamente gratuíta —con pensión completa— nas residencias de tempo libre da Xunta en Panxón (Nigrán) ou O Carballiño, podendo elixir entre 8 ou 16 días de duración durante o período de Nadal.
A concelleira de Benestar Social, Patricia Azcárate, fixo un chamamento ás persoas maiores de Mugardos que se atopen en situación de soidade para que valoren esta oportunidade. “Queremos que ningún maior de Mugardos pase o Nadal en soidade se non o desexa. Este programa é unha iniciativa de gran valor social, que permite compartir estas datas tan especiais nun ambiente agradable, seguro e acompañado”, sinalou a concelleira. Patricia Azcárate destacou a importancia de promover recursos que garantan o benestar emocional e social das persoas maiores: “Animamos a todas as persoas que cumpran os requisitos, así como ás súas familias, a informarse e solicitar praza. Desde a Concellería estamos a disposición para axudar no proceso e facilitar os trámites a quen o necesite”, engadiu.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 26 de novembro e toda a información sobre o programa e os formularios de solicitude están dispoñibles na web oficial da Xunta de Galicia:
https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/xuntos-polo-nadal-2025
O Concello de Mugardos lembra que este tipo de iniciativas contribúen a combater a soidade non desexada e forman parte da aposta municipal por mellorar a calidade de vida das persoas maiores.