Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE BENESTAR CONTACTA COS MAIORES DE MUGARDOS

O Concello de Mugardos leva días traballando na localización dos maiores que están a pasar máis dificultades durante o confinamiento establecido polo estado de alarma.

Unha vez localizadas as persoas máis vulnerables (maiores de 70 anos, persoas enfermas, usuarios dos servizos sociais) a Policía Local desprázase aos seus domicilios para coñecer o seu estado e as posibles necesidades que puideran ter. Logo de ser identificadas as necesidades, a Concellería de Benestar coordina os servizos para cada un dos usuarios de xeito personalizado.

“As necesidades máis habituais que presentan os maiores son ir á farmacia ou facerlles a compra, a algún tamén xestionámoslle a teleasistencia” di Ana Varela, concelleira de Benestar.

A concellería engade o principal obxectivo do goberno municipal “Queremos ter localizados e monitorizados a todos os maiores que neste momento estén pasando a cuarentena no noso Concello. Estamos á súa disposición para o que poidan necesitar, por eso pedímoslle a aqueles cos que aínda non contactamos e que pensen que os podemos axudar, que se poñan en contacto connosco”.

Por último, Ana Varela agradeceu o traballo que están a facer tanto os traballadores municipais coma os voluntarios “É impresionante. Cada día de traballo de todas estas persoas é un día no que melloran a vida da xente. Estamos moi orgullosos de todos eles, e de todo o que están a facer polas mulleres e homes de Mugardos”.

As persoas interesadas en contactar co Concello poden chamar de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas ao 981 470 338 (extensión 2) ou chamando ao número da Policía Local 629 416 969.

Back to top