Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE BENESTAR CELEBRA O ANIVERSARIO COS MUGARDESES E MUGARDESAS CENTENARIOS E AS SÚAS FAMILIAS

A concelleira de Benestar Ana Varela informa da iniciativa do goberno municipal de realizar unha homenaxe aos veciños e veciñas que chegan aos 100 anos, coa entrega dunha placa e unha pequena celebración.

A iniciativa decidiuse consolidar logo do éxito da homenaxe a pasada semana do centenario da veciña Esperanza Rabina Yáñez á que o alcalde e a concelleira de Benestar visitaron para trasladarlle as felicitacións de toda a corporación municipal e facerlle entrega dunha placa conmemorativa do aniversario e dun ramo de flores. No mes de marzo xa se fixera unha homenaxe similar a Juana Dopico Gandoy veciña do Seixo que cumprira 106 anos, a mugardesa máis lonxeva.

Por isto, o goberno municipal acordou que  as familias que desexen que desde a concellería se organice esta pequena visita-homenaxe ao veciños e veciñas centenarios, poden poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais chamando por teléfono ao 981 470 290 (extensión #2017) ou a través do correo electrónico da concelleira ana.varela@mugardos.gal

A concelleira subliñou o emotivo destes actos sinxelos e entrañables tanto para os maiores como para as súas familias, e por suposto para os propios membros do goberno “Non podemos deixar pasar a oportunidade de pór en valor ás personas que co seu traballo e a súa loita nos trouxeron ata aquí. Homes e mulleres que sacaron adiante as súas familias e que hoxe merecen celebrar por todo o alto que teñen un século de experiencia, pero sobre todo teñen o noso cariño e respecto”.

Back to top