Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ÁREA DE BENESTAR AVANZA EN NOVAS INICIATIVAS PARA MAIORES E FAMILIAS DO MUNICIPIO

O Concello de Mugardos continúa impulsando actuacións desde a área de Benestar, con novas iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a reforzar os servizos dirixidos ás familias do municipio.

Entre os avances máis recentes, destaca a aprobación dunha subvención para o fomento do envellecemento activo, que permitirá desenvolver actividades orientadas a promover o benestar, a autonomía e a participación social das persoas maiores. Así mesmo, está a traballarse na organización dunha chocolatada no local social, unha iniciativa de carácter lúdico e comunitario pensada para favorecer a convivencia e o encontro veciñal.

O Concello tamén poñerá en marcha un curso de información e capacitación dixital dirixido ás persoas maiores, co obxectivo de reducir a fenda dixital, facilitar o acceso aos servizos electrónicos e fomentar un uso seguro e útil das novas tecnoloxías.

En paralelo, desde a área de Benestar mantívose unha reunión co AMPA de Unión Mugardesa para analizar posibles melloras nos servizos do comedor escolar, atendendo ás necesidades das familias e buscando solucións que contribúan a unha maior calidade e eficiencia do servizo.

A concelleira de Benestar, Patricia Ruiz de Azcárate, destacou que “estes avances reflicten o compromiso do Concello coas persoas maiores, as familias e a mellora continua dos servizos sociais, apostando por iniciativas que fomenten o benestar, a inclusión e a cohesión social”. A edil engadiu que “seguiremos informando nas próximas datas sobre a evolución destes proxectos e sobre as novas accións que se irán poñendo en marcha desde a área”.

Desde o Concello continuarase traballando para ampliar e reforzar as políticas de benestar, atendendo ás necesidades reais da cidadanía e promovendo un municipio máis xusto, activo e solidario.

Back to top