Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A 30º FESTA DO POLBO DE MUGARDOS CELEBRARASE NO MES DE XULLO

Mugardos, 4 de febreiro de 2022.- A concelleira de Cultura de Mugardos, Begoña Roldós, informou hoxe dos avances na organización da 30ª edición da Festa do Polbo de Mugardos, que está previsto celebrar este ano, logo da suspensión dos anos 2020 e 2021 por mor da situación sanitaria.

Roldós confirmou que esta mesma semana produciuse unha nova reunión de todos os membros do goberno municipal para avanzar na fase de elaboración de propostas, que deberán adaptarse á normativa sanitaria vixente no momento da celebración da festa.

“Este goberno comprométese a facer todos os esforzos necesarios para que este ano por fin poidamos celebrar a nosa querida festa do polbo. Estamos a traballar sobre distintas opcións co obxectivo de poder adaptar a celebración á situación sanitaria que poida existir no mes de xullo” engadiu a concelleira.

Desde o goberno municipal trasladan a posibilidade de ampliar o horario da festa e polo tanto a venta anticipada para poder facer un maior e mellor control dos aforos, así como ampliar as actividades que se organizan desde o Concello.

“É posible que non poidamos celebrar a festa como nas edicións anteriores, pero desde o goberno contemplamos esta circunstancia como unha oportunidade de mellorar e facer crecer a festa” concluíu a edil de Cultura.

Back to top