Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

DÚAS MULTAS DE AUGAS DE GALICIA DE 2018 IMPIDEN O ACCESO A UNHA SUBVENCIÓN PARA O ARRANXO DE CAMIÑOS

O concelleiro de Obras, Servizos e Medio Ambiente Jorge Kuntz informou hoxe das dificultades que o concello tivo para o cobro de axudas públicas por aparecer coma moroso de dúas multas sen pagar desde 2018 impostas por Augas de Galicia, por unha vertedura no Baño e outra en Rilo.

A historia remóntase ao ano 2018 cando o concello foi declarado responsable de dúas verteduras e multado por Augas de Galicia con 4.000 euros (2.000 euros por cada vertedura). A partir dese momento, o concello fixo caso omiso aos requerimientos de pago das multas, e por tal motivo, pasou a figurar coma moroso da Axencia Tributaria Galega, o que desembocou na imposibilidade de acceder ao cobro das axudas concedidas para o arranxo de camiños rurais.

O concelleiro Kuntz informa de que dita débeda non era coñecida por ningún membro do goberno actual entre outros motivos pola existencia dun expediente incompleto, e “chafalleiro” descoñecido para todos os membros da corporación, a excepción do grupo que ostentaba a alcaldía na etapa anterior á moción de censura. “Descubrimos esta situación cando nos atopamos con dificultades para cobrar as axudas que tiñamos concedidas, e se nos informa por parte da Consellería da condición de morosos na Axencia Tributaria”.

“Este é un exemplo máis das dificultades ás que nos enfrontamos unha vez tras outra, dificultades na xestión e paus nas rodas, pero temos claro que os veciños e veciñas de Mugardos merecen que loitemos por esas axudas e traballamos con ese obxectivo” rematou Kuntz, quen confirmou que xa está abonada a débeda e xa se requiriu a todas as administracións relacionadas con estes feitos toda a documentación necesaria para pór solución de xeito definitivo a esta situación.

Back to top