AS FINS DE SEMANA DE AGOSTO ÉNCHENSE DE MAXIA, CIRCO, ESTRELAS E MÚSICA EN MUGARDOS
A Concellería de Cultura vén de presentar a programación de actividades para o mes de agosto, no que música e diversión para toda a familia están asegurados.
As actividades arrincan a fin de semana do 8 e o 9 de agosto na Praza do Concello. O sábado e o domingo ás 20.30 horas poderase desfrutar de “Rogelio un pallaso en recuperación” e “Circo Chosco-Forzu2” respectivamente. O primeiro é un espectáculo de circo e clown para todos os públicos no que o público é un elemento máis do espectáculo, e o segundo “Circo -Chosco-Forzu2”, tamén é para todos os públicos e encherá a praza de humor e risas cun espectáculo con espectaculares acrobacias e malabares.
As actividades da seguinte fin de semana darán comezo o sábado 15 co grupo de música “Fanfarria Taquikardia” que percorrerá as rúas de Mugardos desde as 22.00 horas co seu espectáculo de música festiva e un repertorio “taquikárdico”. Á mesma hora, no Centro de Interpretación do Caldoval, celebrarase unha nova edición da actividade para todos os públicos da “III Noite de Estrelas en Caldoval”, que consiste na observación astronómica realizada no exterior do Centro de Interpretación da man de Antón Bouzas, biólogo, paisaxista e experto en astronomía cultural. Trátase dunha actividade con aforo limitado e que require de inscrición previa.
O domingo 16 de agosto será o turno de Dani García co espectáculo “Don Gelati”. Maxia e teatro xestual pensado para un público infantil que dará comezo ás 20.30 horas na Praza do Concello.
A programación municipal remata o 22 de agosto, na que os amantes da caligrafía terán ocasión de desfrutar do obradoiro especial de escritura romana “Ars Scribendi”, dirixido tanto á cativada como a público adulto que queira indagar nas técnicas empregadas na antiga Roma para escribir. Poderán usar materiais coma os cálamos ou os papiros, para imitar as tipografías da época, en horario de mañá e de tarde, ás 11.30 e ás 17.30 horas. Conta con prazas limitadas e será necesario inscribirse previamente.
Á mesma hora, no Casino Mugardés a partir das 22.00 horas e durante dúas horas ininterrompidas, Gallaecia Big Band interpretará sobre o escenario música de calidade, mesturada cunha historia de moito humor, nunha viaxe aos tempos das grandes Big Bands de forma amena e con escenas de humor.
Desde a concellería lémbrase que ao longo de todo o mes de agosto,no Caldoval continúan as actividades habituais durante toda a tempada estival. As visitas guiadas veñen realizándose de xoves a domingo ás 10.30, 12.30, 16.30 e 18.30 horas. Por outra banda, o xogo de pistas de “As 12 probas de Caldoval”, que introduce ao público infantil os contidos do centro dunha forma máis lúdica, é posible realizalo en calquera momento no horario de apertura do centro (de martes a domingo, de 10.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.00 horas).
Así mesmo, a oferta de 5 obradoiros diferentes orientados ao público infantil realízase de xoves a domingo, ás 11.30 e ás 17.30 horas baixo reserva previa, polo aforo limitado a 8 participantes por obradoiro. A novidade deste verán, o obradoiro “Pequenos investigadores” está a ter unha grande acollida. Os máis peques sumérxense nos mitos dos principais deuses de Grecia e Roma para resolver un enigma, a través dunha investigación nas antiguas bibliotecas de Pérgamo y Ulpia.
A inscripción nas diferentes actividades do Centro de interpretación do Caldoval poderá realizarse a través do correo electrónico info@museocaldoval.gal ou no teléfono 687 072 116 (en horario de apertura do centro). Este ano é imprescindible a reserva previa para todas as actividades, agás para “As 12 probas de Caldoval” e as visitas guiadas, aínda que para as visitas é recomendable.
Begoña Roldós subliñou que as actividades programadas para este verán teñen como destinatarios principais os máis pequenos da casa, xa que son eles quenes menos posibilidades están a ter este ano de asistir a eventos e lugares de lecer “Este ano, e debido ás circunstancias especiais, nas que o propio concello tivo que suspender programas de ocio infantil, decidimos centrar a nosa programación cultural nos nenos e nenas, pero como xa pasou cos espectáculos programados en xullo, temos constancia de que tamén os maiores están a desfrutar deste tipo de espectáculos para toda a familia”.
A concelleira agradeceu tamén a colaboración doutras administracións na organización das actividades programadas na Praza do Concello, pertencentes ao programa Cultura no Camiño promovido por Gadis, Marca Galicia, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia. Gallaecia Big Band pola súa banda, é un espectáculo pertencente á Rede Cultural da Deputación da Coruña.