Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO RATIFICOU A RESOLUCIÓN DE ALCALDÍA SOLICITANDO NO POS+ ADICIONAL MÁIS DE 80.000 EUROS PARA ARRANXO DE CAMIÑOS MUNICIPAIS

A Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente informou da ratificación da solicitude de subvención realizada no POS+ Adicional 2/2020 á Deputación da Coruña para o arranxo dos camiños da Redonda de Abaixo, Cruz de Mehá, Travesía das Fieiteiras, Franza de Abaixo, Celso Emilio Ferreiro e Boado por un importe total orzamentado de 80.869,26 euros. A proposta presentada polo grupo municipal do partido popular no goberno, contou co apoio dos concelleiros e concelleiras municipais do Partido Socialista e de Esquerda Unida.

Os traballos a realizar consistirían, na Redonda de Abaixo, no acondicionado do camino con pavimento asfáltico en quente co recheo da zona que os veciños utilizan como aparcamento e a realización dun rebaixe na parte do lavadoiro. Ademais asfaltarase unha zona que na actualidade ten un firme de saburra, na parte final do camiño na que este se alarga e permite facer un cambio de sentido. Realizarase a limpeza e mellora das cunetas e noiros que o bordean, tarefa imprescindible a efectos de que se realice unha correcta e eficiente evacuación das augas pluviais. Co fin de eliminar os problemas existentes causados pola auga da choiva, realizarase en formigón en masa e cunha sección triangular o tramo de cuneta que discorre ao longo do muro de contención existente.

Na Cruz de Mehá, os traballos consistirán o acondicionado do camino, que na actualidade ten un firme de saburra. Realizarase ademais unha instalación de canalización de augas pluviais que rematará coa súa vertedura libre final ao terreo. Será necesaria a realización previa dun rebaixe no tramo 2 co fin de manter os accesos ás vivendas existentes.

Nas Fieiteiras realizarase tamén un asfaltado en quente, e no segundo tramo do camiño procederase á instalación de saneamento necesaria para poder conectar á rede de augas residuais municipal existente a única vivenda desta zona que non dispón actualmente dese servizo. A instalación funcionará por gravidade, polo que esta consistirá nunha preinstalación para que os propietarios da devandita vivenda teñan a opción de instalar a maquinaria de bombeo necesaria.

No Camiño de Franza os traballos proxectados consisten no acondicionado do mesmo mediante o estendido dunha capa de 6 cm de pavimento asfáltico en quente. Modificarase ademais o curso libre actual das augas pluviais, trasladándoo ás cunetas.

Os traballos para realizar en Celso Emilio Ferreiro consisten no acondicionado del camino mediante unha reparación do firme no primeiro tramo (realización dun rebaixe co fin de manter os accesos ás vivendas) , no cal se executará un pavimento de formigón; e un asfaltado do segundo tramo. Realizarase ademais unha instalación de canalización de augas pluviais que rematará coa súa vertedura libre final ao terreo. Ao longo de todo o trazado (tramo 1 e tramo 2) tamén se executarán as instalacións de abastecemento de auga e saneamento para poder conectar á rede municipal as vivendas desta zona que non dispoñen actualmente destes servizos. A instalación de saneamento funcionará por gravidade, polo que consistirá nunha preinstalación ben para unha posible futura realización dunha estación de bombeo por parte da administración, ben para que os propietarios das devanditas vivendas teñan a opción de instalar na súa parcela a maquinaria de bombeo necesaria.

Finalmente os traballos previstos en Boado consisten no acondicionado do mesmo mediante un bacheado e posterior estendido dunha capa de pavimento asfáltico en quente, para o que será necesaria a realización dun rebaixe puntual co fin de manter o acceso a unha das vivendas existentes, evitando ademais modificar o leito natural de augas pluviais e consecuentemente a posible inundación do devandito acceso.

O concelleiro Jorge Kuntz sinalou que “todas estas actuacións están enmarcadas no programa de mellora dos servizos municipais previsto polo goberno, e que permiten á veciñanza ampliar os servizos, por exemplo accedendo ás instalacións de abastecemento de auga e saneamento, así como a evitar os problemas existentes causados pola auga da choiva en determinados puntos”.

Así mesmo o equipo de goberno agradeceu no pleno as aportacións realizadas polo grupo municipal socialista, único grupo que decidiu participar na elaboración desta solicitude e que permitiu sacala adiante.

Back to top