Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICA A RENOVACIÓN DAS BEIRARRÚAS DE OS CORZÁS CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 180.000€

O Concello de Mugardos adxudicou as obras de renovación dos pavimentos das beirarrúas na rúa Os Corzás á empresa Electricidad Permuy S.L., por un importe de 180.259,33 euros (IVE incluído). A actuación está incluída no POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña.

A intervención desenvolverase no tramo comprendido entre o cruzamento de Catro Camiños e a avenida de Galicia, unha vía de acceso a equipamentos municipais como o CEIP Unión Mugardesa e a propia Casa do Concello.


As obras permitirán renovar unhas beirarrúas que presentan deterioros derivados do paso do tempo, do uso continuado e das condicións meteorolóxicas, con fochancas e fendas que dificultan o tránsito peonil. O proxecto contempla a substitución do pavimento actual por un novo firme de formigón, a renovación dos bordos e a adaptación dos elementos existentes.


Tamén se executarán pasos de peóns e pavimentos táctiles para mellorar a accesibilidade, así como actuacións de sinalización viaria, adaptación de sumidoiros e recolocación dos elementos afectados. Os traballos contribuirán a reforzar a seguridade, a comodidade e a continuidade dos itinerarios peonís nesta zona do núcleo urbano. O prazo estimado de execución é de catro meses desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo. O inicio das obras producirase unha vez se formalice o contrato e se complete a documentación previa necesaria.


O concelleiro de Obras, Jorge Kuntz, destacou que “esta actuación permitiranos mellorar unha rúa de uso diario para moita veciñanza e para as persoas. Apostamos por espazos públicos máis seguros, accesibles e cómodos para todos e todas”. Esta intervención forma parte do traballo de mantemento e mellora progresiva das infraestruturas municipais, atendendo ás necesidades detectadas na vía pública e avanzando na mellora da calidade de vida da cidadanía.

Back to top