O CONCELLO REFORZA A ATENCIÓN TURÍSTICA COA CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE XESTIÓN E INFORMACIÓN DA OFICINA DE TURISMO
O Concello de Mugardos iniciou o procedemento para a contratación do servizo de xestión e información turística da Oficina Municipal de Turismo, co obxectivo de seguir mellorando a atención a visitantes e potenciar a promoción do municipio como destino turístico.
A Oficina de Turismo desenvolve un papel fundamental especialmente durante a tempada estival, ofrecendo información sobre o patrimonio histórico, cultural e natural de Mugardos, e difundindo a programación de actividades e eventos organizados no municipio.
A concelleira de Cultura, Educación e Deportes, Begoña Gómez, sinalou que “a atención turística é unha ferramenta clave para poñer en valor todo o que ofrece Mugardos e para seguir atraendo visitantes que contribúan a dinamizar a economía local”.
Desde o Concello destácase que este servizo permitirá manter unha atención profesionalizada e próxima, facilitando información práctica tanto a turistas como a veciños, e promovendo os principais recursos turísticos da localidade.