O CONCELLO APROBA O EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA O SUBMINISTRO DE POLBO NA FESTA DO POLBO DE MUGARDOS
O Concello de Mugardos aprobou o expediente de contratación para a subministración de polbo destinado á XXXIV e XXXV edición da Festa do Polbo, mediante procedemento aberto simplificado.
O acordo contempla a aprobación tanto dos pregos de cláusulas administrativas particulares como das prescricións técnicas que rexerán o contrato, así como a convocatoria da correspondente licitación pública.
Así mesmo, aprobouse o gasto vinculado a esta contratación, cun orzamento base de licitación de 63.657,00 euros (IVE incluído), correspondente a ambas as anualidades, e incluíndo a subministración estimada de 3.000 quilos de polbo.
A concelleira de Cultura, Educación e Deportes, Begoña Gómez, destacou que “con este paso administrativo garantimos a correcta planificación dun dos eventos máis emblemáticos de Mugardos, asegurando a calidade do produto e a adecuada organización da Festa do Polbo”.
Ademais, sinalou que “desde a área de Cultura seguimos traballando con antelación para que esta celebración, que forma parte da identidade do municipio, continúe sendo un referente tanto a nivel local como turístico”.
Con esta aprobación, o Concello avanza na organización dunha das súas citas máis salientables do calendario cultural e festivo.