Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO SOLICITA O FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL PARA REFORZAR TRABALLOS DE MANTEMENTO E ROZA NO MUNICIPIO

O Concello de Mugardos presentou a solicitude do fondo de Compensación Ambiental, unha liña de financiamento que permitirá reforzar os medios municipais destinados ao mantemento de espazos públicos e ao control da vexetación no termo municipal.

A proposta presentada contempla a adquisición de material destinado á brigada municipal de obras, co obxectivo de mellorar os medios dos que dispón o persoal municipal para o desenvolvemento das súas tarefas diarias. Ademais, esta liña de financiamento permitirá reforzar a realización de execucións subsidiarias de limpeza de maleza, así como atender rozas puntuais en viais naqueles casos nos que non poida actuar a empresa contratada para este servizo.

Cabe lembrar que a empresa encargada da roza só pode intervir naqueles viais que están debidamente inventariados como municipais, o que limita a súa capacidade de actuación en determinadas zonas do municipio.

O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e Tics, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, explicou que “esta solicitude permitirá dotar á brigada municipal de novos medios para mellorar a eficacia dos traballos de mantemento e reforzar actuacións puntuais de limpeza de maleza en distintos puntos do municipio”.

Así mesmo, sinalou que “existe unha problemática histórica relacionada coa falta de inventario dalgúns viais municipais, unha situación que se arrastra desde hai máis de 30 anos e na que o departamento de Urbanismo está a traballar para darlle solución progresivamente”.

O edil tamén destacou o traballo técnico realizado para a tramitación desta solicitude, sinalando que esta liña de financiamento púidose presentar “grazas ao traballo da técnica de Medio Ambiente, que actualmente se atopa en acumulación de tarefas, o que permite seguir aproveitando este tipo de convocatorias en beneficio do municipio”.

Back to top