O CONCELLO DE MUGARDOS PARTICIPA NA PREPARACIÓN DO DISPOSITIVO DE MOBILIDADE PARA A ECLIPSE TOTAL DE SOL DO VINDEIRO 12 DE AGOSTO
O Concello de Mugardos está a colaborar coa Delegación do Goberno e o resto de concellos na planificación dos dispositivos de mobilidade con motivo da eclipse total de sol que terá lugar o vindeiro 12 de agosto.
Este fenómeno astronómico, que terá unha duración total de aproximadamente 1 hora e 50 minutos —aínda que a fase de totalidade apenas alcanzará os 2 minutos—, converterá ao noroeste galego nun dos mellores puntos de observación de toda a comunidade. Por este motivo, agárdase unha notable afluencia de visitantes procedentes de distintos puntos de Galicia e do resto do país.
Co obxectivo de garantir a seguridade e facilitar a chegada das persoas interesadas en presenciar este evento, as administracións están a traballar de forma coordinada na organización de espazos, accesos e medidas de mobilidade.
Para ampliar información sobre a eclipse, horarios e zonas de visibilidade, pódese consultar a web oficial: https://eclipses.ign.es.
Así mesmo, lémbrase á cidadanía a importancia de utilizar lentes homologadas para a observación da eclipse, co fin de evitar posibles danos na visión.
O alcalde de Mugardos, Domingo Deus, destacou que “este tipo de eventos supoñen unha oportunidade para dar a coñecer o noso municipio, pero tamén esixen unha planificación rigorosa para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da xornada” concluíu.