Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE ABORDA COA XUNTA DE GALICIA O FINANCIAMENTO DA NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL

O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus Fonticoba, mantivo onte unha reunión de traballo co vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, para avanzar nun proxecto estratéxico para o municipio: o financiamento da nova biblioteca municipal.

Durante o encontro, o alcalde trasladou a necesidade de contar con apoio institucional para facer fronte ao incremento de custos do proxecto da biblioteca, derivado fundamentalmente da subida do prezo dos materiais e da adaptación á normativa vixente en materia de seguridade e accesibilidade. Neste sentido, explicou que o Concello está a traballar para garantir que a futura biblioteca sexa un espazo moderno, seguro, accesible e plenamente adaptado ás necesidades actuais da cidadanía.

“O obxectivo do goberno municipal é dotar a Mugardos dunha biblioteca á altura do que merece a nosa veciñanza, cumprindo escrupulosamente coa normativa e asegurando a viabilidade económica do proxecto”, sinalou o alcalde. O rexedor lembrou que o proxecto foi presentado aos grupos municipais, onde recibiu o respaldo de Esquerda Unida, formación que ademais solicitou que se axilice a súa tramitación para que poida facerse realidade canto antes. Desde o goberno local valórase positivamente este apoio, ao considerar que se trata dunha infraestrutura cultural clave para o presente e o futuro do municipio.

En canto ás achegas realizadas por outros grupos, o alcalde explicou que calquera proposta relacionada coa conservación de elementos orixinais en fachada foi analizada técnicamente, contando cos informes da arquitecta redactora e dos servizos de Patrimonio, que determinaron a inviabilidade das devanditas modificacións no marco do proxecto actual.

Paralelamente á solicitude de colaboración á Xunta, o Concello tamén está a explorar outras vías de financiamento complementarias, entre elas as convocatorias estatais vinculadas ao denominado 2% Cultural, co fin de reforzar a cobertura económica do proxecto e minimizar o impacto para as arcas municipais.

Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES)

O segundo asunto abordado na reunión foi a futura base do GES, unha infraestrutura na que o Concello vén traballando desde hai varios anos. Actualmente disponse dun borrador de proxecto que recolle as necesidades estimadas para garantir unhas instalacións axeitadas, funcionais e adaptadas ao servizo que presta este equipo de emerxencias.

A Xunta de Galicia estudiará as posibilidades de financiación para poder contribuir a facer realidade este proxecto nun futuro. “O GES realiza un labor esencial para a seguridade de Mugardos e da comarca, e é responsabilidade das administracións facilitar que desenvolvan o seu traballo nas mellores condicións posibles”, subliñou o alcalde.

Por último, na reunión á que tamén asistiu a Directora Xeral de Administración Local, Natalia Prieto, solicitouse a sinatura dun covenio coa Consellería de Deportes para atender ás infraestruturas deportivas de Mugardos.

Back to top