Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO SOLICITA A ADHESIÓN Ó CONVENIO XUNTA-SEAGA PARA REFORZAR A PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS

O Concello de Mugardos iniciou o procedemento para solicitar a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para consolidar o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Este convenio, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 250, do 29 de decembro de 2025), establece un marco de cooperación para mellorar a limpeza, o control da vexetación e a redución da carga de combustible en zonas estratéxicas, especialmente naquelas próximas a núcleos de poboación e infraestruturas sensibles.

A adhesión permitirá reforzar as actuacións preventivas no municipio, contribuíndo á redución do risco de incendios, ao aumento da seguridade dos veciños e á mellora do estado de conservación da contorna natural.

O concelleiro delegado de Obras, Servizos, Medio Ambiente e TICs, Jorge Kuntz, destacou a importancia desta medida. “A prevención é a ferramenta máis eficaz para loitar contra os incendios forestais. Con esta adhesión, o Concello de Mugardos dá un paso adiante na protección do territorio, reforzando a xestión da biomasa en zonas de risco e mellorando a seguridade da cidadanía” sinalou.

Desde o Concello sublíñase que esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal de protección ambiental, prevención de riscos e mantemento do rural, apostando pola colaboración interadministrativa para optimizar recursos e resultados.

Back to top