MUGARDOS REGULARIZA O PROCESO DE SOLICITUDE DE PRAZAS NA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL ‘AS LAGOAS’
O Concello de Mugardos informa de que se completou a regularización das solicitudes de prazas para o centro As Lagoas, tras a actualización tanto do regulamento como da ordenanza que regula o servizo. Esta revisión integral permitirá ás familias realizar os seus trámites de maneira máis sinxela, reducindo problemas, duplicidades e tempos de espera.
As melloras introducidas buscan garantir un procedemento máis claro, accesible e adaptado ás necesidades actuais das familias usuarias, reforzando ademais a transparencia e a seguridade xurídica en todo o proceso. A concelleira de Benestar, Patricia Ruiz de Azcárate, destacou a importancia desta actualización para mellorar a atención á cidadanía. “Con esta regularización damos un paso adiante para facilitar a vida ás familias. Queremos que o acceso a As Lagoas sexa un trámite áxil, ordenado e sen complicacións, e estas modificacións no regulamento e a ordenanza permítennos ofrecer un servizo máis eficaz e adaptado á realidade do municipio”, explicou a edil.
O Concello de Mugardos continuará traballando para optimizar os procedementos administrativos e reforzar a calidade dos servizos dirixidos ás familias e á infancia.