O CONCELLO IMPULSA A LICITACIÓN DOS CONTRATOS DE RECOLLIDA DO CONTEDOR AMARELO DE ENSERES
O Concello de Mugardos puxo en marcha o proceso de licitación para adxudicar os contratos relativos á recollida do contedor amarelo e do servizo de recollida de enseres, co obxectivo de garantir a continuidade, a mellora e a correcta xestión de ambos servizos públicos.
O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e TIC, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, lembrou que “grazas ás xestións realizadas pola concellería, a bolsa amarela ha pasado a ter un custo de 0 euros para o Concello, froito do convenio alcanzado con Ecoembes, o que supuxo un aforro de 25.000 euros anuais”. A pesar deste importante avance, o edil subliñou que “se trata dun servizo esencial que debe contar cun contrato formalizado para garantir a súa prestación con total normalidade e seguridade xurídica”.
En canto ao servizo de recollida de enseres, Kuntz Peiteado destacou que “o aforro obtido permitiunos reforzar este servizo, que actualmente se presta todos os luns, fronte ás dúas recollidas mensuais que se realizaban anteriormente”. Segundo explicou, esta mellora facilitou unha xestión máis áxil e ordenada dos residuos voluminosos, reducindo tempos de espera e favorecendo o mantemento da limpeza no municipio.
Así mesmo, o concelleiro informou de que o Concello “continúa traballando na adhesión ao Punto Limpo, un paso necesario para seguir ampliando e modernizando os recursos municipais destinados á correcta xestión de residuos e cuxa proposta se atopa á espera de informe por parte da intervención municipal”.
O Concello reafirma así o seu compromiso coa mellora continua dos servizos públicos e coa protección da contorna, garantindo unha xestión responsable, eficiente e aliñada coas necesidades da cidadanía.