O CONCELLO IMPULSA A PLANIFICACIÓN MUNICIPAL E ESTREA NOVA PLATAFORMA DO EMPREGADO PÚBLICO
O Concello de Mugardos informa da celebración da reunión da Mesa Xeral de Negociación, presidida polo alcalde Juan Domingo de Deus, na que se abordou a planificación municipal de cara ao próximo ano xunto aos representantes sindicais do persoal do Concello.
O alcalde destacou o bo clima de colaboración existente entre o equipo de goberno, o persoal municipal e os representantes sindicais. “Estamos a traballar desde o diálogo, a cooperación e o respecto institucional. Agradecemos a implicación de todo o persoal e seguiremos avanzando xuntos para mellorar o funcionamento interno do Concello e a calidade dos servizos que prestamos á cidadanía”, sinalou o rexedor.
Ademais da organización municipal, o alcalde tamén informou sobre a implantación da nova Plataforma do Empregado Público, un sistema integral mediante o que o persoal poderá xestionar as súas vacacións, permisos e rexistrar a súa xornada laboral de maneira telemática. Esta ferramenta permitirá unha xestión máis áxil, transparente e eficiente do tempo de traballo e dos recursos humanos municipais. O equipo de goberno continuará nas próximas semanas coas reunións técnicas para completar a planificación de 2026 e consolidar as melloras organizativas iniciadas este ano.