ARES E MUGARDOS PRESENTAN A XX CARREIRA POPULAR DE FIN DE ANO QUE SE CELEBRA O 28 DE DECEMBRO
As concelleiras de Ares e Mugardos, Alma Barrón e Ana Varela respectivamente, xunto con técnicos municipais de ambos concellos presentaron esta mañá a XX Carreira Popular de Fin de Ano, que se celebrará o domingo 28 de decembro a partir das 11:00 horas con saída e chegada ao pavillón polideportivo de Ares.
As inscricións xa están abertas vía telemática na web de www.carreirasgalegas.com ata o 23 de decembro (o prezo é de 5€ por persoa), e o único requisito é ter cumplidos os 16 anos de idade. A veciñanza de ambas localidades pode sumarse a carreira, de 10 kilómetros de lonxitude e para a cal haberá un máximo de 500 prazas.
A retirada de dorsais realizarase no Complexo Acuático do Castro durante o venres 26 de decembro (de 8:00 a 13:00 horas) e o sábado 27 (de 9:00 a 13:00 horas). O mesmo día da proba tamén haberá a posibilidade de retiralos na pista exterior do pavillón polideportivo de Ares na franxa de 9:00 a 10:30 horas.
Na organización e posta en marcha do evento colaboran a Federación Galega de Atletismo, Serviocio BeOne, Supermercado Familia e a Deputación da Coruña.
