O CONCELLO DE MUGARDOS AVANZA NA IMPLANTACIÓN DO PROXECTO ‘TRAZA’ PARA O CONTROL INTELIXENTE DOS RESIDUOS
O Concello de Mugardos informa de que xa se atopa en fase de desenvolvemento o Proxecto TRAZA, unha iniciativa impulsada por SOGAMA á que o municipio está adherido e que forma parte do proceso de Transformación Dixital que a entidade está a levar a cabo.
Este proxecto completarase co futuro Portal do Cliente, configurando un sistema moderno e eficaz para a xestión e o seguimento dos residuos. Grazas ao Proxecto TRAZA, os camións de recollida estarán xeorreferenciados no momento de cada descarga, o que permitirá dispoñer de información en tempo real sobre os residuos xerados e xestionados correctamente. A plataforma ofrecerá datos precisos como o peso recollido, o tipo de residuo e a porcentaxe de separación axeitada realizado por parte da cidadanía.
O concelleiro de Obras, Servizos, Medio Ambiente e TICs, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, destacou que esta ferramenta supón “un paso decisivo para mellorar a eficiencia do servizo e dispoñer de información inmediata e verificada”. Engadiu ademais que “por primeira vez teremos un control detallado e actualizado de cómo se está realizando a separación dos residuos no noso municipio, o que nos permitirá planificar mellor, axustar recursos e seguir avanzando na mellora da calidade ambiental”.
Kuntz Peiteado subliñou tamén a importancia de contar con datos obxectivos á hora de tomar decisións: “Co Proxecto TRAZA, Mugardos intégrase nun sistema moderno e transparente que reforza o compromiso do Concello cunha xestión responsable e sostible dos residuos”. O Concello continuará informando sobre os seguintes pasos na implantación desta tecnoloxía, así como dos avances no Portal do Cliente asociado a SOGAMA.