Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS E A DEPUTACIÓN DA CORUÑA ANALIZAN A VIABILIDADE DUNHA SENDA PEONIL ENTRE PENEDO E A BARCA

A semana pasada tivo lugar a visita da deputada provincial responsable de Vías e Obras da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, acompañada de técnicos do organismo provincial, quen, xunto co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, e o concelleiro de Obras, Servizos, Medioambiente e TICs, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, analizaron sobre o terreo a viabilidade dunha senda peonil na estrada provincial DP-3504, no seu tramo comprendido entre o punto quilométrico 0, na Pedreira (Penedo), e a conexión coa VG-1.2 (vía rápida) na Barca.

O obxectivo da visita foi estudar posibles solucións técnicas que permitan mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil nesta zona, dando prioridade aos tramos con maior densidade de poboación e tránsito veciñal.

Esta reunión en campo dá continuidade ao encontro mantido o pasado mes entre o alcalde e a deputada provincial na sede da Deputación, no que o Concello trasladou a importancia desta actuación para mellorar as comunicacións internas do municipio e facilitar os desprazamentos seguros a pé entre núcleos.

O alcalde, Juan Domingo de Deus, destacou “a boa disposición da Deputación da Coruña para colaborar co Concello na procura de solucións que melloren a seguridade e a mobilidade dos veciños e veciñas de Mugardos”.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, sinalou que “esta é unha demanda veciñal de longo percorrido, e desde o Concello estamos traballando para que se converta nun proxecto real e viable, especialmente nos tramos máis habitados e transitados”. O Concello de Mugardos agradece á Deputación da Coruña a súa colaboración e compromiso co municipio, e continuará avanzando nas xestións necesarias para que esta senda poida ser unha realidade nos próximos exercicios.

Back to top